As funcións encomendadas a un consello regulador son: o control de orixe, o control de calidade e o control de mercados.
  • O control de orixe na denominación de orixe Rías Baixas (en adiante D.O.), comeza dende a inscrición do terreo nos rexistros do consello. Pouco antes da vendima, avalíase a producción e a calidade da uva nun tanto por cento representativo de parcelas da D.O. Unha vez comezada a vendima, máis de 60 inspectores (habilitados pola Consellería de Agricultura e o Consello Regulador como vedores) supervisan os traballos de recolección da uva, o seu transporte e descarga nas adegas, controlando a orixe e os rendementos, redactando actas diarias e unha acta final, onde reflicten os quilogramos de uvas introducidos e a cantidade de mosto. Para este control, valémonos das novas tecnoloxías co fin de recolle-los datos en tempo real e sen erros, gracias á implantación dunha tarxeta chip de viticultor que contén os seus datos de rexistro e a un terminal (TPV).
               

  • O control de calidade, nos viños amparados pola denominación de orixe Rías Baixas verifícase partida por partida. Así, cada vez que unha adega quere cualificar unha partida de viño, debe solicita-la autorización ó Consello Regulador, quen despraza un vedor a esta, para realiza-la toma das mostras do viño e posterior precintado do depósito. Estas someteranse a un exame analítico instrumental (físico, químico e biolóxico) e organoléptico ou sensorial, realizado polo Comité de Cualificación do Consello Regulador, quen posteriormente contrastará os resultados cos doutros laboratorios oficiais.

  • O Consello Regulador tamén se preocupa polo coidado e a defensa dos viños acollidos á denominación, para iso colabora con outros organismos (ICA) nos controis de productos, co ánimo de evita-la fraude nos mercados.
Outra das tarefas encomendadas a este Consello Regulador é a proxección da denominación de orixe e a promoción dos viños amparados. Esta tarefa permitiu introduci-los viños en mercados inesperados, situados fóra das nosas fronteiras.