|
|
|
 |
 |
 |
A historia da denominación de orixe Rías Baixas comeza en 1980 cando se recolle no BOE do 11 de outubro a denominación específica Albariño.
Catro anos máis tarde, o 30 de abril, apróbase o Regulamento da denominación específica Albariño e do seu Consello Regulador.
Debido ás necesidades de adapta-la lexislación española á comunitaria, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, nunha Orde do 17 de marzo de 1988, recoñece a denominación de orixe Rías Baixas e o 4 de xullo publícase a Orde que aproba o Regulamento da denominación de orixe e do seu Consello Regulador, ratificado nunha Orde ministerial do 28 de xullo dese mesmo ano.
|
|
Na súa curta historia, o sector da denominación de orixe Rías Baixas soubo evolucionar de forma ordenada e con criterio, así pasou, nun período comprendido entre os anos 1987 e 2001, respectivamente, de 492 viticultores a 5.059, de 14 a 161 adegas e dunha superficie de viñedo de 237 hectáreas a outra de 2.408.
Esa evolución tamén se reflicte na ampliación das zonas. En 1988 a denominación de orixe Rías Baixas constaba de 3 subzonas, perfectamente individualizadas, na provincia de Pontevedra: Val do Salnés, Condado do Tea e O Rosal. En outubro de 1996 incorpórase Soutomaior e en maio de 2000 amplíase á Ribeira do Ulla.
|
|
|
Orixe: medio natural
A denominación de orixe Rías Baixas esténdese por un conxunto de zonas de Galicia que teñen unha serie de condicións físicas comúns que identifican e orixinan as características dos seus viños.
Trátase de terras baixas, con altitude, xeralmente, inferior a 300 m, próximas ó mar e asociadas ós tramos inferiores dos cursos fluviais, o que condiciona formalmente, as características climáticas de influencia atlántica que se manifesta en temperaturas suaves e precipitacións elevadas e ben repartidas, cun descenso hídrico nos meses de verán.
|
|
|
Estas características climatolóxicas, unidas á morfoloxía dos chans pobres, ácidos, areentos e delgados proporciona ás uvas desta denominación de orixe unhas características propias de aroma e frescura.
|
 |
 |
|
|