Próxima ó límite do cultivo da vide, a Denominación de Orixe Rías Baixas está plenamente integrada na gran rexión Atlántica, cuxa divisoria é o trazo de Wagner (Wagner P., 1976). Os viños da Denominación son, pois, viños atlánticos.
No inverno, as borrascas atlánticas do oeste e do sudoeste, coas súas frontes cálidas de aire frecuentemente tropical, traen fortes precipitacións e son as determinantes dunhas temperaturas suaves e mesmo cálidas, con diferenzas día-noite moi pouco marcadas. As borrascas do norte e noroeste, menos frecuentes, chegan á zona xa debilitadas e achegan poucas chuvias. Soamente as invasións de aire frío do Ártico ou os períodos en que os anticiclóns desvían cara ó norte as frontes borrascosas poden provocar un descenso das temperaturas nocturnas suficiente para que se produzan xeadas.
Unha idea da suavidade do inverno proporciónanola a temperatura media de xaneiro, o mes máis frío do ano, que oscila entre os dez graos da Guarda e os nove de Frieira. En canto ás precipitacións, a estación é verdadeiramente moi chuviosa: 600 mm dos 1600 mm de media anuais recóllense no inverno.
A primavera é precoz e chuviosa. Os perigos de orixe climática nesta estación son os danos de xeadas e o corremento de flor. Os riscos de xeadas son nulos no litoral e van medrando a medida que nos desprazamos cara ó interior. Os danos por xeada están moi condicionados pola orografía, moi irregular, propia da D.O. Rías Baixas.
O anticiclón das Azores instálase sobre o Atlántico occidental a principios do verán e impide o paso das perturbacións, que como moito se deslizan polo bordo norte de Galicia.
As precipitacións son pouco frecuentes e pouco abundantes e as temperaturas mantéñense suaves grazas ó aire fresco, as tormentas de verán son raras e é baixo o risco de sarabia. Nesta estación prodúcese unha importante seca edáfica favorecida polo descenso das precipitacións, o aumento da temperatura e por uns solos areosos que facilitan a infiltración.
Retirado o anticiclón, no outono as borrascas penetran unha tras outra, nunha estación de novo moi chuviosa.