A subzona CONDADO DO TEA, esténdese pola marxe dereita do río Miño, dende Salvaterra ata o límite coa provincia de Ourense. Abrangue os municipios de Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, Salceda de Caselas e Ponteareas; así como a parroquia de Valeixe no municipio da Cañiza, as parroquias de Guillarei, Malvás, Baldráns e Caldelas de Tui, no municipio de Tui, e a parroquia de Louredo no municipio de Mos.
Tui escalónase sobre un pequeno outeiro con estreitas canellas. Foi unha das sete capitais do antigo reino de Galicia, lugar de asentamento de casas nobiliarias. A súa zona vella está declarada conxunto monumental. Posúe interesantes igrexas e unha importante catedral (s. XII e s. XIII) de estilos románico e gótico. No balneario de Caldelas de Tui a auga xermola a 50º C.
Salvaterra do Miño é unha vila cunha grande antigüidade, como testemuñan os seus importantes restos arqueolóxicos, acrópoles e casas nativas. Sobre a desembocadura do río Tea está a ponte medieval da Fillaboa. Dende o monte Castelo divísase unha bonita vista do val do Tea. Poden visitarse os restos da fortaleza de Salvaterra, onde se sitúa o Museo do Viño do Condado, o Pazo de Petán (escudo e torre do s. XVI) e o Pazo da Inquisición.
As Neves posúe un fermoso casco histórico. A súa igrexa (1668) é un santuario en honor da Virxe das Neves. Dende a ermida de San Nomedio (694 m) gózase dunha panorámica espectacular dos vales dos ríos Tea e Miño. A ermida de San Fins (670 m) tamén ofrece espléndidas vistas sobre o río Miño.
En Arbo atópase o cruceiro triple e unha orixinal torre votiva de orixe celta na parroquia. Merecen visitarse a torre e as ruínas de Fornelos (s. XII), o Pazo de Barreiro (s. XVI), a ábsida románica da igrexa de San Pedro de Crescentes (s. XIII) e a capela e os restos do mosteiro de Albeos.