A subzona O ROSAL, atópase sobre a desembocadura do río Miño, pola súa marxe dereita. Comprende os municipios do Rosal, Tomiño, A Guarda; así como as parroquias de Pexegueiro, Areas, Paramós, Ribadelouro, Rebordáns, Pazos de Reis, Randufe e Tui, no municipio de Tui, e as parroquias de Mañufe e Vilaza, no municipio de Gondomar.

Dende A Guarda, fronte ó mar, divísase o esteiro do Miño. No monte de Santa Tegra, de excepcional panorámica (miradoiro), aséntase o máis importante castro romanizado de Galicia (s. V a.C.). Por todo o monte atópanse petroglifos e gravados rupestres. No alto está o museo arqueolóxico, cun importante mapa de pedra e a colección de esvásticas.

Xunto ó Rosal, atópase un interesante conxunto de muíños de auga. Tamén, no seu termo municipal poden localizarse máis de 50 cruceiros (s. XVI a XVIII).

Tomiño conta con importantes igrexas do máis puro estilo románico. Santa María de Tebra (s. XII) conserva unha valiosa ábsida poligonal. Dende aquí, parte un camiño rural que leva á torre de Tebra (s. XIV) que, xunto co pazo do mesmo nome, forma un interesante conxunto monumental. Moi preto atópase a igrexa románica de San Salvador de Tebra (s. XIII).