A subzona VAL DO SALNÉS ten o seu centro en Cambados. Das cinco subzonas esta é a de maior superficie. Trátase dunha comarca xeográfica que coincide coa apertura do val do río Umia, que se produce en Caldas de Reis. Abrangue os municipios de Cambados, Meaño, Sanxenxo, Ribadumia, Meis, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Portas, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Barro e O Grove.
O sinuoso perfil da ría de Arousa acompaña o viaxeiro durante o percorrido.
Os restos históricos de Vilanova, vila mariñeira, remóntanse á época romana. Nela atópanse o Pazo de Cuadrante e o Pazo dos Camba.
Descendendo cara a Cambados xorde o interesante muíño de mareas da Seca (s. XVII). En Cambados, capital do albariño, existen vestixios da cultura castrexa e do comercio fenicio. A súa fundación data da época do rei visigodo Witiza. Na fermosa praza de Fefiñáns, está o Pazo de Figueroa (s. XVI). Non lonxe, en primeira liña de costa, o Pazo de Bazán (s. XVII), convertido en parador nacional. Son interesantes as ruínas de San Sadurniño (s. X), o Pazo de Montesacro (s.XVII), a torre de San Sadurniño (s. X) e outras moitas casas nobiliarias.
Pola estrada de Vilagarcía de Arousa a Pontearnelas accédese a Monte Lobeira, dende onde se divisa unha espectacular panorámica de Vilagarcía e da ría. Preto, na parroquia de András, está o Pazo de Rúa Nova (s. XVI), que foi a casa nativa de Ramón María del Valle Inclán, construída sobre unha antiga fortaleza.
O concello de Ribadumia, unha das máis importantes zonas de producción vitivinícola, abrangue varias parroquias repartidas pola beira esquerda do río Umia. Na súa circunscrición atópase a ponte de Cabanelas e a casa rectoral de Ribadumia.
No concello de Meis, convén facer un alto para visita-las igrexas de Santa María de Paradela e San Xulián de Romai. Imponse tamén unha visita á igrexa románica de San Salvador (s. XII). Na faldra norte do monte Castrove levántase o mosteiro cisterciense de Armenteira (s. XII e s. XIII). A súa igrexa, con planta de cruz latina, posúe tres ábsidas semicirculares e unha das portadas máis vistosas de Galicia.
No centro da estival vila de Sanxenxo, pode contemplarse o Pazo de Miraflores. Á saída, en dirección ó Grove, atravésase Portonovo, típico porto pesqueiro.
A costa descobre unha zona de grandes praias (Canela, Paxariñas, Montalvo, Pociñas, Aios e Nosa Señora), antes de chegar á da Lanzada, a máis importante. Sobre unha barra que se interna no mar, emerxe a torre da Lanzada, do s. X (antigo faro fenicio). Ó seu lado está a ermida de Santa María, paradigma do románico galego e no seu adro celébrase unha típica romaría, famosa polo ancestral "Baño das nove ondas", rito de fecundidade que se realiza na véspera de san Xoán.
O concello do Grove non só o integra a elegante illa da Toxa, coas súas fontes de augas medicinais, o seu balneario e o campo de golf. Nin tampouco unicamente O Grove, porto marisqueiro por excelencia que centra a atención desta zona. Tamén merecen atención o miradoiro e o castro da Siradella, e a necrópole de Adro Vello.
Dende Armenteira, paga a pena subir ata o lugar de Busto e toma-lo camiño forestal CF 102. Despois de 1,5 Km ábrese unha pista ancha que leva ós petroglifos, valiosos gravados de pedra (s. X a XV a.C.) cun inquietante labirinto (ou cribo).
Dentro do concello de Meaño, destaca a igrexa de Santa María de Simes (s. XIII) con presbiterio e portada románica e posterior torre barroca. Combarro, declarado monumento histórico nacional, ofrece belísimas panorámicas dos seus hórreos e casas de pedra.