Volver

28 de Agosto

O Consello Regulador establece un protocolo e normas de prevención para veedores e persoal técnico de cara á vendimia

O Consello Regulador puxo en marcha un protocolo e unhas normas de prevención para esta campaña de vendima. Ditas directrices aplícanse aos 24 veedores/auditores e ao persoal técnico do propio Consello Regulador que supervisarán o proceso de recollida da uva nas distintas adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas e ás adegas e viticultores implicados.

Segundo explica o secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro, “estas medidas adoptáronse en coordinación coas Consellerías de Sanidade –a través do SERGAS- e de Medio Rural co fin de garantir as actuacións hixiénico-sanitarias e de prevención contra a Covid-19 no desenvolvemento das distintas auditorías”. Ademais dos tests serolóxicos que estes días realízanse aos veedores/auditores implicados na presente campaña de vendima, o Consello Regulador poñerá a dispor dos mesmos máscaras cirúrxicas, xel hidroalcohólico e luvas con obxecto de facilitar a protección persoal.

A maiores, e co máximo espírito de colaboración para a protección da saúde das persoas, “desde o Consello Regulador –engade Huidobro-, en cumprimento coa petición formulada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria ( AGACAL) e o SERGAS, trasladamos ás adegas e asociacións do sector a información remitida pola Xunta de Galicia co obxectivo de maximizar a seguridade nas explotacións agrícolas”, en consonancia cos protocolos de prevención e control da infección polo virus SARS- CoV-2 que elaborou o Servizo Galego de Saúde para as empresas que empregan a traballadores temporeiros.

Precisamente entre as medidas que neles reflíctense, figura a realización por parte do SERGAS, e previo ao comezo desta campaña, de test serolóxicos de detección de anticorpos anti- SARS- CoV-2 para todas as persoas involucradas na vendima. O obxectivo pasa por conxugar a continuidade da actividade agrícola, coa saúde e protección dos traballadores de campo, das empresas que os contratan e da poboación en xeral.

O protocolo do Consello Regulador tamén establece unha serie de pautas a seguir, incluídas na documentación entregada a todos os profesionais involucrados nesta vendima. Estas implican que cada veedor deberá realizar todos os días un breve recoñecemento da súa saúde persoal que rexistrarán no documento Verificación síntomas compatibles con COVID-19 e reportarán ao Consello Regulador antes de comezar a xornada laboral. En caso de notar algún síntoma (tose seca, febre, dificultades respiratorias ou malestar, perda de gusto e/ou olfacto), deberán informar inmediatamente e poñerse en contacto coas autoridades sanitarias.

Ademais das medidas xerais –uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia mínima de seguridade interpersoal-, establécense unha serie de especificidades relativas ás auditorías para realizar nas adegas rexistradas e en viñedo. Veedores e adegas informarán dos seus respectivos protocolos de actuación co fin de que ambas partes respecten as directrices que neles reflíctense, optimizando, deste xeito, o seu labor.

As reunións entre auditores e persoal responsable de adega sempre se concertarán previamente de mutuo acordo, facilitando a flexibilidade horaria. Segundo especifícase no protocolo do Consello Regulador, os encontros realizaranse cun número de interlocutores “o máis reducido posible”.

Cando leven a cabo as comprobacións, o auditor realizaraas coa máxima precaución e acompañado por unha única persoa da adega ou explotación. No caso da recollida de evidencias, evitarase “o contacto co material de adega. Facilitarase como norma sempre o traslado de datos vía telemática, solicitando, ademais, permiso para tomar fotos que axilicen a recollida de achados”. En canto á redacción de informes e levantamento de actas, os veedores deberán realizalas a soas. A continuación, leerá e explicará o seu contido antes da súa firma polo responsable de adega, co obxectivo de minimizar o tempo das reunións.

En definitiva, o Consello Regulador insiste en que a finalidade última de todas estas medidas é a de conxugar os labores de auditoría e control de vendima, cos traballos de viñedo sen descoidar a protección dos traballadores de campo, das adegas e da poboación en xeral.

Mostraxes constantes

Mentres tanto, desde o Consello Regulador e as propias adegas están a levarse a cabo mostraxes constantes en campo co fin de comprobar o estado da uva para establecer o momento óptimo para a súa recollida. Aínda que se mantén a previsión de comezo da vendima de maneira xeneralizada para a primeira quincena de setembro –tal e como se recolle no informe de estimación de vendima-, todo vai depender da evolución que se rexistre nos próximos días e das condicións meteorolóxicas.